O Concello da Pobra do Brollón acondiciona a Ruta da Castaña e do Mel
Os alumnos do obradoiro de emprego, en marcha desde o pasado mes de febreiro no municipio, son os encargados de levar a cabo estes traballos no roteiro de sendeirismo. As tarefas, que se iniciaron fai xa algunhas semanas, céntranse no desbroce e limpeza en todo o percorrido da ruta, que nalgúns tramos era practicamente intransitable.
Desde o Concello aseguran que "o propio curso da natureza fai preciso un mantemento regular dos sendeiros" e, maila faltar aínda algúns días de traballo, "xa se aprecian grandes melloras".
A Ruta da Castaña e do Mel é un roteiro circular polo municipio da Pobra do Brollón, que descende desde os arredores da aldea de Salcedo ata o souto de Paramedela e o leito do río Lor. Ten un percorrido de pouco máis de 10 quilómetros.