O Concello da Pobra de Trives confía en resolver os problemas de auga tras as obras nas Guístolas

RibeiraSacraXa
Lembran á veciñanza que queda prohibido temporalmente o uso de auga para encher piscinas, así como para baldeos, regadíos, lavado de vehículos ou calquera outra actividade similar
rede-auga-grifo
7 Jul 2025

O Concello da Pobra de Trives está a sufrir nas útimas semanas problemas no subministro de auga potable debido, segundo indican os técnicos, a un consumo excesivo e á imposibilidade de empregar o bombeo polas obras que se están a realizar no encoro das Guístolas.

Dende o Concello aseguran que estes problemas quedarán solventados unha vez rematen os traballos levados a cabo por Iberdrola, e piden colaboración aos veciños e veciñas para evitar cortes no suministro como o do pasado venres.

A finais da pasada semana rexistrouse unha caída súbita no nivel do depósito municipal de auga, segundo informan dende o Concello.

Por iso, para garantir o subministro de auga á poboación, lembran que queda prohibido, ata que se rematen as obras, o uso de auga para encher piscinas, así como para baldeos, regadíos, lavado de vehículos ou calquera outra actividade similar.

Ademais, pídese á cidadanía que faga un uso responsable da auga para evitar cortes máis prolongados no subministro. As medidas, informan, teñen carácter temporal e o seu cumprimento será vixiado polos axentes da autoridade, que poderán impor sancións en caso de incumprimento.

O Concello tamén solicita a colaboración de todos os veciños para limitar o consumo de auga ao estritamente necesario mentres se resolva a situación. Así mesmo, piden que se comuniquen posibles usos indebidos ou incidencias e agradecen a comprensión da poboación durante este período.

⚙ Configurar cookies
0.16465783119202