O Concello da Pobra de Trives alerta de problemas na rede de abastecemento de auga

RibeiraSacraXa
Para garantir o subministro á poboación, o Concello prohíbe o uso de auga para encher piscinas, así como para baldeos, regadíos, lavado de vehículos ou calquera outra actividade similar
rede-auga-grifo
3 Jul 2025

O Concello da Pobra de Trives informa que está a sufrir problemas no subministro de auga potable debido, segundo indican os técnicos, a un consumo excesivo e á imposibilidade de empregar o bombeo polas obras que se están a realizar no encoro.

Nas últimas 48 horas, sinalan desde o Goberno municipal, rexistrouse unha caída súbita no nivel do depósito municipal de auga. Segundo os datos facilitados polos técnicos, o consumo medio actual sitúase entre 100 e 150 litros por persoa e día.

Por iso, para garantir o subministro de auga á poboación, o Concello prohíbe o uso de auga para encher piscinas, así como para baldeos, regadíos, lavado de vehículos ou calquera outra actividade similar.

Ademais, pídese á cidadanía que faga un uso responsable da auga para evitar cortes máis prolongados no subministro. As medidas, informan, teñen carácter temporal e o seu cumprimento será vixiado polos axentes da autoridade, que poderán impor sancións en caso de incumprimento.

O Concello tamén solicita a colaboración de todos os veciños para limitar o consumo de auga ao estritamente necesario mentres se resolva a situación. Así mesmo, piden que se comuniquen posibles usos indebidos ou incidencias e agradecen a comprensión da poboación durante este período.

⚙ Configurar cookies
0.16804218292236