O comercio de Chantada promove unha 'semana de oportunidades'

RibeiraSacraXa
Medio cento de asociados do Centro Comercial Aberto ofrecen ata o sábado 6 de marzo importantes descontos e ofertas nos seus produtos
asociación comercio chantada
3 Mar 2021

A asociación de empresarios e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Chantada están a desenvolver estes días unha 'semana de oportunidades'. Ata o vindeiro sábado, 6 de marzo, e no horario habitual de apertura de cada establecemento, os clientes poden beneficiarse de importantes descontos e ofertas. Na iniciativa participan medio cento de negocios.

A directiva da asociación apostou por esta acción debido a que este ano non se pode celebrar a Feira do Viño de Chantada, na súa data e no seu formato habitual, nin tampouco a tradicional feira de oportunidades que se celebraba na mesma fin de semana da feira do viño.

O colectivo chantadino prevé poñer en marcha nos vindeiros meses outras iniciativas, entre elas algunha dirixida ao sector da hostalería, co fin de colaborar con eses establecementos locais que se viron especialmente afectados pola limitación de mobilidade e de actividade por mor da pandemia.

DIXITALIZACIÓN

Ademais de poñer en marcha a campaña de oportunidades, a asociación de empresarios e comerciantes de Chantada vén de chegar a un acordo con Envaco para que as empresas e comercios asociados poidan poñer á venda os seus produtos a través dunha plataforma online, ruralsell.com. Durante o primeiro ano, o servizo é gratuíto para os asociados e a partires do segundo terán unha rebaixa do 50%.

De igual xeito, traballan na creación dunha aplicación móbil propia do colectivo, na que os consumidores poidan descubrir os produtos que hai á venda nos negocios asociados.

A asociación chantadina segue ademais coa súa campaña de captación de socios. Actualmente ten uns 150.

asociación empresarios chantada semana oportunidades
0.20376491546631