O comedor social da Asociación Albores de Monforte contará con subvencións para a súa mellora
A Asociación Albores Saúde Mental recibirá dúas novas subvencións ata finaid de 2023 concedidas pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, para mellorar o Comedor Social e o Programa de Emprego.
Desde a asociación explican que o Comedor Social é o único servizo deste tipo no sur da provincia, combate a pobreza das familias que contan entre os seus membros con algunha persoa con enfermidade mental.
"A miúdo, as persoas con estas doenzas perden os seus postos de traballo e tamén atopan barreiras importantes ao intentar reemprender a súa vida laboral, como consecuencia do estigma e os fortes prexuizos sociais", explican.
Por outro lado, din que a subvención cobre unha parte novidosa do Programa de Emprego, que se centrará en ofrecer formación práctica de balde en Xardinería para mellorar a empregabilidade e competencia das persoas diagnosticadas de calquera enfermidade mental, "facilitando a adaptación do currículo ao mercado laboral da zona, formándoas nun sector con moita demanda de traballadores e traballadoras", sentenzan.