O Colexio da Pobra do Brollón mellorou os seus espazos naturais coa colaboración dos participantes do Obradoiro Dual de Emprego

Os participantes do Obradoiro Dual de Emprego colaboraron esta semana co colexio da Pobra do Brollón. Un grupo de traballadores e traballadoras ,xunto co alumnado de primaria, transplantaron catro carballos, coa idea de plantalos no patio do colexio para dar sombra e naturalizar o espazo.
O Obradoiro dual de Emprego de Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón arrancou o pasado mes de decembro. Un total de 20 alumnos e alumnas participan nesta nova edición.
O obradoiro está promovido polos concellos e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 412.000 euros. A iniciativa toma o relevo do taller que estivo en marcha durante o último ano, ambos centrados na xardinería. Os participantes deste obradoiro encargaranse do mantemento e acondicionamento de múltiples xardíns, zonas verdes, áreas recreativas e rutas de sendeirismo nos tres municipios.
Os participantes tamén traballaron durante as pasadas semanas nas labores de mantemento de beirarrúas e limpeza de zonas verdes de Rubián, en Bóveda, así como no acondicionamento da área recreativa de Ver.