O Club Taekwondo Neka foi homenaxeado polo alcalde de Monforte tras os éxitos acadados no Campionato de España
José Tomé Roca homenaxeou ao Club Taekwondo Neka e a dezaseis dos seus deportistas polos excelentes resultados que acadaron no Campionato de España que se celebrou en Alicante entre o 3 e o 6 de decembro de 2022.
Tras competir contra 100 equipos participantes, o Club Neka resultou ser o equipo máis premiado de todo o campionato. Non soamente quedou Campión de España na categoría de adultos e Subcampión en categoría infantil, a estes magníficos resultados, hai que engadir catro medallas de ouro, unha de prata e catro de bronce en categoría individual. Na categoría de parella dúas medallas de ouro e unha de bronce e por último, unha medalla de ouro máis, na categoría de trío.
O alcalde de Monforte felicitou ao adestrador e aos deportistas asistentes e agradeceu os éxitos acadados, Wpois serven para que Monforte estea moi ben representado na elite do deporte español, europeo e mundial. Constitúe unha oportunidade única de promoción para a nosa cidade”. Tomé animounos a seguir traballando e a esforzarse para manter este nivel competitivo, consciente de que superalo resulta complicado".
O alcalde comprometeuse a seguir respaldando ao deporte base e aos clubs como o Ximnasio Neka, "que traballan por promocionar as distintas modalidades entre os mais pequenos, destacando a importancia que ten calquera actividade na formación integral das novas promesas".
Pola súa banda, José Ma Vega, director deportivo do club monfortino, declarou sentirse moi orgulloso dos resultados acadados, que son consecuencia de todo o esforzo feito polos deportistas do club.
Ademais, quixo agradecer ó Alcalde a recepción celebrada no Concello, por constituír un recoñecemento ó gran traballo que están realizando estes xoves deportistas, que tal e como afirma Vega, están levando o nome de Monforte por España.
No acto de recoñecemento, o Alcalde estivo acompañado polos 16 deportistas homenaxeados, aos que lles entregou un obsequio como mostra de agradecemento polo seu esforzo, polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, así como familiares e representantes do Club Neka.