O Club Taekwondo Neka de Monforte sumou 6 medallas no Campionato de Europa
José Tomé Roca, en nome de todos os monfortinos e monfortinas, homenaxeou a catro deportistas do Club Taekwondo Neka, polos excelentes resultados que acadaron no Campionato de Europa de Taekwondo que se celebrou en Seixal (Portugal) entre o 19 e o 21 do pasado mes de novembro, representando á Selección Española de Taekwondo.
No acto de recoñecemento, o Alcalde estivo acompañado polos 4 homenaxeados, Alejandro Losada, Carlos Rey, Laura Álvarez e Daniel Areán, así como pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán.
Alejandro Losada e Carlos Rey quedaron Campións de Europa en modalidade de parellas, conseguindo a medalla de ouro, Laura Álvarez quedou subcampiona de Europa en categoría individual e parellas conseguindo dúas medallas de prata e, Daniel Arean quedou Subcampión de Europa por parellas sumando unha medalla de prata as xa acadadas polos seus compañeiros.
Ademais do logrado no Campionato de Europa, o Club Tekwondo Neka, e os seus deportistas, conseguiron uns magníficos resultados deportivos nos seguintes campionatos, motivo polo cal o Alcalde lles entregou unha placa conmemorativa. En Benidorm entre o 4 e o 7 de decembro, o Club Taekwondo Neka quedou subcampión de España por Clubs, acandado 2 medallas de ouro, 4 de prata e 2 de bronce. No Campionato de España Infantil por Seleccións territoriais, foron 2 medallas de bronce e 1 de ouro as conseguidas polos deportistas do Neka. Na Copa Xunta de Galicia celebrada o 11 de decembro en Bueu (Pontevedra), foron un total de 12 medallas, 4 de ouro, 3 de prata e 5 de bronce e, por último, no Open Vila de Madrid que se celebrou o 18 de decembro, foron 11 medallas, 5 de ouro, 3 de prata e 3 de bronce.