O Club Natación Monforte acadou bos resultados na última xornada do provincial de natación
A Piscina Climatizada Municipal de Monforte de Lemos acolleu o pasado sábado a terceira e última xornada do provincial de natación, unha competición na que tomaron parte os catro equipos da provincia de Lugo: Fluvial de Lugo, Portamiñá (Lugo), Xove e Monforte.
Desde o Concello de Monforte resaltan o rendemento dos nadadores do Monforte, que "raiaron un excelente nivel a pesar de atoparse nun período da tempada no que os adestramentos son esixentes, con vistas á final da liga de clubes galega, na que o equipo monfortino se xoga o ascenso a primeira división e os campionatos de verán tanto galegos como de España"
Con respecto aos resultados, o goberno local destaca os acadados polo Club de Natación de Monforte, no que Odei Arias e Javier Pontón conseguiron o 1º e 2º posto respectivamente en 50 metros costas, metres que Andrea Gudín conseguiu o 3º posto na categoría feminina, mellorando a súa marca persoal. Estes tres nadadores conseguiron a marca mínima para participar no Campionato de España de Natación de verán.
Outros éxitos do CN Monforte
- En 400 metros estilos David Martínez Argiz conseguiu o 3º posto.
- En 200 metros estilos, Candela Enríquez e Esther Martínez baixaron a súa marca.
- En 200 metros libres, Ánder Regueira e e Elena Arias baixaron a súa marca.
- En 100 metros bolboreta Andrea Gudín e Javier Pontón conseguiron o 3º posto realizando marca mínima galega. Uxía, Antía e Mara baixaron a súa marca persoal.
- En 50 metros braza, David Conde conseguiu o 2º posto. Antía e Isaac melloraron a súa marca, Marta e Uxía estiveron moi preto do seu mellor rexistro e Mara e Irene tiveron unha boa actuación tendo en conta que era a primeira vez que nadaban a proba.
- En 100 metros libre, Hugo López, Isaac, Ander e Conde melloraron as súas marcas.
- En 800 metros libres primeira experiencia para Antía e Elena que realizaron un bo papel.
Por outra banda, Elena, Mara e Antía recibiron o premio a “nadadoras máis completas do campionato”, sendo 1ª, 2ª e 3ª respectivamente. Este trofeo premia a versatilidade das nadadoras nos diferentes estilos e distancias.