O Club Montaña Trives organiza una nova edición das Xornadas Micolóxicas

RibeiraSacraXa
Serán do 31 de outubro ao 2 de novembro con degustacións, charlas e saídas de campo
xornadas-micoloxicas-trives
8 Oct 2025

A Pobra de Trives acollerá do 31 de outubro ao 2 de novembro unha nova edición das súas tradicionais Xornadas Micolóxicas, que chegan ao seu 25 aniversario, xunto co X Concurso de Tapas Micolóxicas, organizados polo Club Montaña Trives.

As actividades comezarán o xoves 31 de outubro, ás 18:00 horas, co inicio do concurso de tapas, no que 11 establecementos locais ofrecerán creacións culinarias elaboradas con cogomelos a un prezo de 2,20 euros. O público poderá votar as mellores tapas nas categorías de presentación e sabor. Ademais, aquelas papeletas que conten con nove selos dos locais participantes entrarán nun sorteo de premios o domingo 3 de novembro, que incluirá unha cesta gourmet, un kit micolóxico completo e ceas para dúas persoas nos establecementos participantes.

O venres 1 de novembro celebrarase unha charla divulgativa no IES Germán Ancochea Quevedo, a cargo da asociación micolóxica Os Cogordos, seguida dunha saída ao campo para a recollida de exemplares. Os cogomelos recollidos exporanse no patio do Pazo da Casa Grande de Trives, onde permanecerán ata o domingo ás 18:00 horas. Ese mesmo día, ao mediodía, terá lugar a tradicional comida micolóxica gourmet no Restaurante A Viuda de Trives, cun menú de catro pratos elaborados con distintas variedades de cogomelos premium e un prezo de 40 euros por persoa.

O sábado 2 de novembro, ás 15:00 horas, pecharase o concurso de tapas, e ás 18:00 horas, no patio da Casa Grande, realizarase a entrega de premios aos tres establecementos máis votados en cada categoría. A continuación celebrarase o sorteo entre o xurado popular, poñendo fin a unha fin de semana dedicada á micoloxía, á gastronomía e á promoción local.

⚙ Configurar cookies
0.069505214691162