O cineasta bovedés Alberto Díaz conta co apoio do concello para os seus futuros proxectos cineatográficos

RibeiraSacraXa
O cineasta bovedés Alberto Díaz conta co apoio do concello para os seus futuros proxectos cineatográficos no municipio
Alberto Díaz e alcalde Bóveda
2 Maio 2023

O cineasta e produtor local Alberto Díaz reuniuse co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, no que o rexedor trasladoulle o apoio do Concello aos vindeiros proxectos que ten en marcha e acordaron que se proxecte na localidade a curta ‘A Rabia’, un proxecto do bovedés gravada en diferentes escenarios da zona sur e que este ano foi finalista dos Premios Mestre Mateo.

Na actualidade, o cineasta busca apoio do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales de España para a coprodución dunha curtametraxe de animación e que levará por título ‘Ruído’, e para o proxecto dunha curta social con moito efecto visual, que tratará sobre o autismo e se chamará ‘Normal’.

Alberto Díaz explica que a postprodución de ambas as curtametraxes farase en Bóveda, no estudo cinematográfico ‘Triskel’, que ten previsto inaugurar nas vindeiras semanas, o primeiro destas características que se instala no Concello de Bóveda.

Cando os proxectos estean listos, o cineasta comprometeuse co rexedor local a facer un pase na localidade, o mesmo que fará nas vindeiras semanas coa curta ‘A Rabia’, un proxecto que o 5 de maio se vai poder ver na Academia do Cine de Madrid.

José Manuel Arias tamén trasladou o interese do Goberno local para apoiar as dúas longas que o mozo ten en proxecto; ‘La mala madre’, unha película de terror feminista da que Díaz é produtor, que vai ser dirixida por Alicia Alvares e que contará entre o seu reparto con recoñecidos actores como Javier Rey e Susy Sánchez, gañadora dun Goya por ‘Cinco lobitos’.

Será unha coprodución que precisará dun financiamento de 1,5 millóns de euros e foi presentado en Cannes no Fantastic Seven do Marché du film para buscar financiamento para a súa rodaxe tras ser elixido na sección do market nun festival de Gualalajara (México) onde xa gañou dous premios.

O segundo proxecto será integramente galego e leva por título ‘Merlo branco’ e roldará os 1,4 millóns de euros de financiación. O cineasta trasladoulle ao rexedor a súa intención de ter sempre en conta Bóveda para as súas rodaxes, converténdose de novo en plató de cine, como xa fixo con ‘A Rabia’.

0.20019006729126