O CIM de Quiroga organiza un 8M con actividades centradas no autocoidado e o benestar das mulleres

RibeiraSacraXa
Haberá un total de cinco obradoiros durante as xornadas do venres, 7 de marzo, e o sábado, 8 de marzo, ademais da tradicional Cea de Sororidade
Imaxe dunha muller con motivo do 8M
26 Feb 2025

O Centro de Información á Muller do Concello de Quiroga, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional de Muller, organiza diversas actividades gratuítas, encamiñadas ao benestar e ao autocoidado das mulleres da comarca.

O venres, 7 de marzo, entre as 18.00 e as 19.30 horas, a educadora social Paula Santos, encargarase dun “círculo de benestar”, un taller que se centrará nas claves para o autocoidado.

O sábado, día 8, a xornada comezará ás 10.30 horas co obradoiro de mandalas a cargo da creadora Johanna González. Este arte creativo aporta tranquilidade, relaxación e concentración axudando a calmar a mente, equilibrar as emocións e sentir paz interior e armonía. Ademais, ás 12.30 horas haberá un obradoiro de Danzas Meditativas coa instrutora de meditación Clara González, que ensinará a elevar a enerxía vital a través da danza, a música e a meditación.

Pola tarde, ás 16.30 horas, a instrutora de ioga e terapeuta craneosacral, Teresa Taboada encargarase do taller “Espazo corazón conecta contigo”, onde dará pautas para conectar co corazón ampliando o seu espazo e a súa conexión a través do movemento e a quietude.

E para reducir o estrés, liberar tensións e mellorar o estado anímico, ás 17.30 horas terá lugar un obradoiro de Risoterapia coa instrutora de mindfulness e risoterapia, Natalia Vázquez.

A xornada adicada á muller rematará coa celebración da VIII Cea da Sororidade. A xuntanza celebrarase no restaurante Chapakuña a partir das nove e media da noite.

Aquelas mulleres que desexen participar nalgunha destas actividades, ou en todas, xa poden pasar polas instalacións do CIM, na casa consistorial, a anotarse e, no caso da cea a recoller as súas entradas.

⚙ Configurar cookies
0.51090502738953