O CIM de Quiroga conmemorará o 25N con obradoiros e concentracións a partir deste martes
O Centro de Información á Muller de Quiroga conmemorará o 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia contra a Muller, a través dunha serie de actos que arrancarán este mesmo martes, 19 de novembro.
Con este motivo, entre mañá e o mércores, 20 de novembro, desenvolverase un obradoiro de sensibilización contra as violencias machistas no Instituto de Educación Secundaria de Quiroga. Pola súa banda, os días 21 e 22 o obradoiro, así como a elaboración de pancartas farase no Centro de Educación Infantil e Primaria.
Para o luns 25 de novembro, convócase unha concentración diante da casa consistorial ás 13.00 horas do mediodía. No transcurso da concentración, na que participará o alumnado dos dous centros educativos, lerase un manifesto en contra da violencia machista.