O CIM de Chantada presenta o programa de actividades para conmemorar o 25N

RibeiraSacraXa
A campaña deste ano, baixo o lema “Chantada contra as violencias machistas, Súmate! 25N”, inclúe contacontos, charlas, exposicións e accións de sensibilización
presentacion-campaña-25n-chantada
4 Nov 2025

A concellaría de Igualdade do Concello de Chantada, a través do Centro de Información á Muller (CIM), preparou unha programación de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O obxectivo é visibilizar as desigualdades de xénero para poder corrixilas, facendo especial fincapé na educación como base para construír unha sociedade libre de violencias machistas.

A campaña deste ano, baixo o lema “Chantada contra as violencias machistas, Súmate! 25N”, inclúe contacontos, charlas, exposicións e accións de sensibilización dirixidas principalmente ao alumnado. O 25 de novembro realizarase a lectura do Manifesto do 25N ás 12:00 horas diante da Casa Consistorial.

A concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, destacou durante a presentación que o cartel deste ano está deseñado polo artista local Jon González, a través do cal se fará “unha importante campaña visual que invita a todo o mundo a sumarse á loita contra as violencias. Repardiremos nos locais de asociacións, hostalería… para que o 25N todos o teñan nas súas portas”.

A primeira actividade será este venres 7 de novembro na Biblioteca Pública Municipal, coa representación teatral do contacontos “Daniel e Daniela” a cargo de Trémola Teatro, dirixido ao público infantil.

Para a mocidade, o Auditorio Municipal acollerá a exposición da Xunta de Galicia “Á Violencia de Xénero… dille NON”, acompañada de obradoiros impartidos pola educadora Paula Santos. Estes obradoiros buscan fomentar a reflexión sobre o impacto das redes sociais nas relacións afectivo-sexuais e na violencia de xénero. Neles participarán preto dun cento de estudantes dos IES Val do Asma e Lama das Quendas.

Ademais, o 19 de novembro representaranse a obra de teatro “Valente e Rebelde” para alumnado de 4 a 7 anos dos CEIP Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo. O programa concluirá o 28 de novembro cunha charla sobre menopausia no Auditorio Municipal, unha actividade que responde á demanda de moitas mulleres da localidade.

“Con estas actividades enfocadas a acabar coas diferenzas de xénero, insistimos principalmente na educación porque as nenas e nenos de hoxe son os adultos do mañá”, subliñou Pamela Fernández.

⚙ Configurar cookies
0.069037914276123