O ciclo “Xoán Montes ao piano” levará a música do compositor lucense por seis cidades galegas

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia impulsa o ciclo de concertos “Xoán Montes ao piano – O son do pasado que conmove o presente”, unha iniciativa que ten como obxectivo divulgar a creación musical do compositor lucense do Rexurdimento e dar a coñecer a súa faceta como pianista.
O programa, que se desenvolverá durante os meses de outubro e novembro, inclúe seis actuacións en distintas cidades e localidades galegas, todas elas con entrada gratuíta ata completar aforo.
A presentación do ciclo tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta en Lugo e contou coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e dun dos intérpretes do proxecto, o pianista e catedrático do Conservatorio Superior de Música da Coruña, Javier Ares Espiño.
A proposta busca poñer en valor a produción pianística de Xoán Montes, considerada a parte máis descoñecida do seu catálogo e unha das máis destacadas expresións do patrimonio musical galego. Ademais de Ares Espiño, intervirán nos concertos os pianistas Jorge Briones Martínez e Pablo Diago Busto, recoñecidos pola súa traxectoria e o seu labor na recuperación da música galega dos séculos XIX, XX e XXI.
O ciclo comezará o sábado 11 de outubro no Liceo de Ourense ás 19:30 horas, continuará o venres 17 na Casa da Cultura de Monforte de Lemos ás 20:15 horas, o sábado 18 no auditorio municipal de Rianxo ás 20:30 horas e o xoves 23 na Casa do Saber de Lugo ás 20:30 horas. As últimas citas serán o venres 14 de novembro no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo ás 21:00 horas e o sábado 15 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra ás 19:00 horas.
A iniciativa conta coa colaboración do Liceo de Ourense, a Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos, o Concello de Rianxo, o Vicerreitorado de Estudantes e Cultura da USC no Campus de Lugo, o Concello de Carballo, o Museo de Pontevedra, o Grupo Organistrum da USC, o proxecto Estudos históricos de Música en Galicia e América (ss. XI-XX) e o proxecto de I+D+i Galicia-América: Música civil, ideoloxía e identidades culturais a través do Atlántico (1800-1950).