O ciclo “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra” regresa do 29 de agosto ao 6 de setembro

RibeiraSacraXa
Organizado polo Sindicato Labrego e a Deputación de Lugo, achegarase aos concellos de Quiroga, Chantada, Pantón, Sober, Monforte de Lemos y Taboada
ciclo-coonferencias-ribeira-sacra-slg
Presentación do ciclo “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra”
22 Aug 2025

O Sindicato Labrego Galego–Comisións Labregas (SLG-CCLL), en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, presentou hoxe o calendario das xornadas e ciclos de conferencias “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra”, que se celebrarán entre o 29 de agosto e o 6 de setembro en diferentes concellos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

No acto interviñeron Ana Rodríguez Vázquez, responsable do SLG na zona sur de Lugo, e Daniel García Fernández, deputado provincial da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, quen subliñaron a necesidade de crear espazos de diálogo co sector vitivinícola para analizar a vendima de 2025 e debater sobre os retos e oportunidades de futuro.

García abriu a súa intervención cunha mensaxe de apoio ás pequenas adegas afectadas polos incendios deste verán. “No pasado mes de febreiro colaboramos co Sindicato Labrego na programación do Foro de Agroecoloxía en Antas de Ulla, onde reflexionamos sobre ameazas como os modelos da mega industria, como Altri, que afectan aos recursos naturais, produtivos e culturais sen xerar valor engadido”, sinalou. “Agora, con estas xornadas, centramos os esforzos nun sector vitivinícola tamén ameazado, buscando alternativas que garantan a súa viabilidade e supervivencia futura”.

Pola súa parte, Rodríguez destacou a situación actual do sector: “Desde o Sindicato Labrego Galego queremos chamar a atención sobre a situación complexa que vive a Ribeira Sacra. A Ribeira Sacra é a única denominación de orixe vitícola da provincia de Lugo, e levamos desde principios de 2024 reclamando solucións para os problemas que sofre. A supervivencia das viticultoras, dos viticultores e da propia paisaxe que define a comarca depende diso”.

A representante do SLG advertiu das dificultades engadidas este ano: “A colleita será pequena. Aínda que as hectáreas cultivadas non baixan, o número de viticultores e viticultoras si diminúe cada ano. Non queremos que pase co viño o mesmo que co leite, onde hai produción, pero sen produtores nin produtoras”.

Rodríguez explicou que as xornadas servirán para compartir co sector a información recollida polo sindicato e para difundir aspectos clave da Lei da Cadea Alimentaria. “Esperamos que a Consellería actúe e de verdade se traballe polo futuro da Ribeira Sacra”, concluíu.

Calendario de actividades:

  • Quiroga: Venres, 29 de agosto, 19:00 horas – Casa da Cultura
  • Chantada: Sábado, 30 de agosto, 12:00 horas – Local do Sindicato Labrego Galego
  • Pantón: Mércores, 3 de setembro, 19:00 horas – Casa da Cultura
  • Sober: Xoves, 4 de setembro, 19:00 horas – Casa da Cultura
  • Monforte de Lemos: Venres, 5 de setembro, 12:00 horas – Centro do Viño da Ribeira Sacra (conferencia sobre a Lei da Cadea Alimentaria, a cargo de Orlando Vázquez Yáñez, xefe do Servizo da Cadea Alimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais da Consellería do Medio Rural)
  • Taboada: Sábado, 6 de setembro, 12:00 horas – Casa da Cultura

Con esta programación, o Sindicato Labrego Galego busca reforzar a información e o debate arredor da viticultura na Ribeira Sacra, fomentando a participación activa das persoas produtoras e a colaboración coas administracións.

⚙ Configurar cookies
0.16634511947632