O ciclo “Música no Outono” regresa a Sober cun concerto do cuarteto de saxos Mezzo Quartet

RibeiraSacraXa
A iniciativa, promovida polo Concello e as Xuventudes Musicais de Sober, busca achegar a música á veciñanza
mezzo-cuartet
11 Nov 2025

O Concello de Sober e as Xuventudes Musicais do municipio inauguran este sábado, 15 de novembro, o ciclo “Música no Outono”, que pretende achegar a música en directo ao público local e apoiar o talento de distintas agrupacións.

O primeiro concerto estará a cargo do grupo de saxos Mezzo Quartet, que se celebrará ás 19:30 horas no Centro Sociocultural. A entrada será de balde ata completar aforo.

Formado en 2017 no Conservatorio Profesional de Terrassa, Mezzo Quartet naceu da amizade e da paixón dos seus integrantes pola música de cámara. O grupo está composto por Gisela Dekort Mesalles (saxofón soprano), Juan David Toro Martín (saxofón alto), Pol Del Moral Vargas (saxofón tenor) e Pol Cabrera Praza (saxofón barítono).

O cuarteto procura divulgar tanto a música clásica como a contemporánea, ofrecendo unha mostra das posibilidades expresivas do saxofón. Ao longo da súa traxectoria, ten participado en festivais internacionais de referencia, como o Festival Internacional de Saxofóns de Palmela (FISP) en Portugal, e foi recoñecido con numerosos premios en concursos nacionais e internacionais.

Entre os galardóns máis destacados figuran o Primeiro Premio de Música de Cámara no IX Concurso Víctor Santos (Portugal, 2023), o Segundo Premio no Concurso Mocidades Musicais de España (2023), o Primeiro Premio no Concurso Josep Mirabent i Magrans (2023), e o Premio Extraordinario de Música de Cámara do Conservatorio Superior do Liceo (2022-2023). Ademais, acadaron o Primeiro Premio no concurso Tribuna Sax-Ensemble (Madrid, 2022) e outros recoñecementos en certames como o San Anastasi de Lleida (2019) e o Subimos ao Escenario de Sant Cugat del Vallès (2019).

O concerto leva por título “Novas Resonancias”, unha proposta que busca achegar ao público a música de nova creación e o seu amplo abano de estilos e sonoridades. O programa inclúe obras de Xavier Pagés, Fazil Say, Daniel López Pradas, John Cage e Franco Donatoni, con pezas como Byoubu, Divorce Op. 29, Mirall Trencat, Four5 e Rasch.

⚙ Configurar cookies
0.077070951461792