O ciclismo de montaña ten unha cita este sábado na Quiroga Bike Marathon

Quiroga converterase este sábado, 6 de setembro, nun punto de encontro para o ciclismo de montaña coa celebración da Quiroga Bike Marathon, unha proba de longa distancia organizada pola área de Deportes do Concello en colaboración co Oroso Club Ciclista e Vitaldin Sport.
A presentación do evento tivo lugar o pasado luns coa presenza do alcalde, José Luís Rivera; o concelleiro de Deportes, Antonio Marcos; o presidente do Oroso Club Ciclista, Celestino González; e dous participantes locais.
A competición arrancará ás 9.00 horas nas inmediacións da casa consistorial, lugar no que tamén estará situada a meta. O percorrido ofrece dúas modalidades: a Bike Marathon, de 45 quilómetros e 1.400 metros de desnivel positivo, e a Bike Extreme, de 67 quilómetros con 2.400 metros de desnivel.
A proba, de carácter non federado, poderá disputarse de forma individual ou por parellas. Neste último caso, establécense varias categorías: masculina (para equipos con suma de idades igual ou inferior a 80 anos), veteranos (máis de 80 anos), feminina e mixta.
O prazo de inscrición pechouse onte con 160 ciclistas rexistrados. Os participantes rodarán principalmente por pistas forestais, gozando dunha paisaxe de gran atractivo con puntos de paso como As Eiras, Terras Negras, Reboledo, o Rego das Forcadiñas ou o Alto do Boi.