O Centro Social de Quiroga retoma as excursións cunha visita a Ribadeo e á Praia das Catedrais

O Centro Social de Quiroga volve poñer en marcha as súas actividades organizando unha excursión para o mércores 25 de xuño, con destino a Ribadeo e á Praia das Catedrais. Esta saída marca a recuperación das tradicionais viaxes culturais promovidas desde a entidade.
A xornada comezará coa saída en autocar desde Quiroga rumbo á coñecida Praia das Catedrais, un enclave natural famoso polas súas formacións rochosas que lembran os arcos das grandes catedrais góticas.
Despois do xantar, o grupo continuará a ruta cara á Illa Pancha, onde visitará o faro, o Forte de San Damián, a capela da Santísima Trinidade e o miradoiro da Atalaia. Tamén está prevista unha visita ao centro histórico de Ribadeo, recoñecido como Ben de Interese Cultural, que conserva vestixios da antiga muralla medieval.
O custo da actividade é de 68 euros por persoa, e inclúe o desprazamento en autocar, guía oficial acompañante, comida en restaurante e seguro de viaxe. Para poder realizar a excursión, é necesario reunir un mínimo de 30 participantes. As inscricións deben facerse no Centro Social e o pago deberá formalizarse antes do 10 de xuño.