O Centro Social de Quiroga organiza unha viaxe a Baiona, o Monte de Santa Trega e Tui

O Centro Social de Quiroga organiza unha viaxe cultural que levará aos seus socios a Baiona, o Monte de Santa Trega e Tui, e que terá lugar o vindeiro martes, 28 de outubro.
A saída está prevista 8:00 horas dende Quiroga. A primeira parada será en Baiona, onde os participantes realizarán unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos desta vila mariñeira, coñecida pola súa historia e polas súas paisaxes costeiras. A continuación, a excursión continuará cara ao Monte de Santa Trega, un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes da cultura castrexa e cunhas vistas privilexiadas sobre o río Miño e o Atlántico. Pola tarde, o grupo desprazarase ata Tui, onde poderán coñecer a súa monumental Catedral, considerada unha das xoias do patrimonio histórico e artístico galego.
Os participantes deberán anotarse previamente e, segundo explican dende o Concello, para realizar a viaxe será preciso formar un grupo de 30 persoas. O prezo da actividade é de 75 euros, e inclúe o transporte en autocar, a guía acompañante, o xantar, as entradas ao Monte de Santa Trega e á Catedral de Tui, ademais dun seguro básico de viaxe.