O Centro Social de Quiroga celebrou unha nova sesión do Faladoiro a cargo de Courelor

RibeiraSacraXa
A cita estivo protagonizada por Daniel Arza e centrada na elaboración artesanal de produtos arredor da castaña
faladoiro-quiroga-caurelor
30 Jan 2026

O Concello de Quiroga organizou este pasado mércores unha nova sesión do Faladoiro no Centro Social, neste caso protagonizada por Daniel Arza, de Caurelor, unha empresa local con vinte anos de historia especializada na venda de castañas e na elaboración de marmeladas artesanais.

Caurelor naceu como un proxecto de parella, no que dúas persoas de ámbitos laborais moi distintos se uniron para crear produtos 100 % artesanais e ecolóxicos a partir dun recurso local: as castañas. “A nosa filosofía é traballar de maneira artesá, co mínimo proceso de transformación e sen utilización de conservantes nin químicos”, explica Daniel Arza.

O camino, explicaron os seus responsables, non foi doado nos primeiros anos. Na súa primeira feira, só venderon oito botes, pero a evolución foi rápida e na súa primeira feira profesional esgotaron toda a produción que levaban. A gama de produtos que ofrecen ampliouse e agora inclúe, ademais das castañas cocidas e crema de castañas, marmeladas de ameixa, marmelo, cereixas, pexegos, froitos vermellos, moras, arandos e figo chumbo, todas en versión con ou sen azucre engadido. Tamén elaboran zumes naturais de cereixa, arando e mora silvestres, e mel multifloral de alta montaña.

No seu obradoiro, tamén reciben visitas e excursións, nas que amosan o proceso de elaboración destes produtos con sabor único e recoñecido, tanto en Galicia como fóra da comunidade, grazas aos premios que acumulan.

O Faladoiro, promovido pola Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá do Concello de Quiroga, é un espazo aberto para a socialización e o intercambio de experiencias entre a veciñanza. Nesta ocasión, ademais do convidado, participaron o alcalde, José Luís Rivera, e o concelleiro de Medio Rural, Luis Manuel Arias, e estivo moderado polo concelleiro Xosé Manuel Fernández.

⚙ Configurar cookies
0.075196027755737