O Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón contará con máis de 750.000 euros para a súa construción
O pleno provincial de Lugo aprobou unha modificación orzamentaria para ampliar en 756 mil euros o orzamento para a construción do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón, no marco do convenio asinado entre o Concello e a Deputación de Lugo.
O alcalde, Xosé Lois Maceda, acudiu ao Pleno provincial acompañado da vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, quen xogou un papel fundamental neste avance tan beneficioso para a veciñanza guímara.
Os fondos para executar as obras pasaron así de 1,74 a 2,44 millóns de euros, acorde coa suba de prezos no sector da construción, despois de que o prazo de presentación de ofertas do último concurso rematara sen que se presentasen ofertas por considerar que o orzamento era insuficiente.
Anteriormente, no primeiro concurso que si fora licitado, a empresa acabou incumprindo o contrato porque considerou que tería perdas, entrando deste xeito nun período de varios meses de desacordo xudicial.
Dende o equipo de goberno da Pobra do Brollón explican que o incremento orzamentario era necesario xa que os prezos iniciais do proxecto, que se remonta a 2018, quedaron desfasados.
Maceda celebra que a Deputación de Lugo adoptase a decisión, que el considera “un paso fundamental para que por fin se faga realidade esta obra tan necesaria para a veciñanza da Pobra do Brollón”.
“Hoxe é un día de satisfacción para A Pobra do Brollón xa que se aceleran os prazos de execución da residencia, que se vai construír con total seguridade,” asegura o rexedor.