O Centro Cultural de Sober acolle o V Concurso de Cata por Parellas

O Centro Cultural de Sober acolleu este 24 de marzo unha nova edición do Concurso de Cata por Parellas Concello de Sober, que acada xa a súa quinta convocatoria e que se enmarca dentro da programación do Mes do Amandi. A actividade estivo organizada pola Fundación Belarmino Fernández Iglesias en colaboración co Concello de Sober.
Os participantes foron recibidos pola organización antes de comezar a proba, que incluíu unha fase previa no denominado túnel do viño, onde puideron degustar un total de 32 referencias que posteriormente poderían formar parte da cata.
Xa durante o concurso, as parellas tiveron que identificar dez viños seleccionados polo xurado, indicando aspectos como o tipo de uva, se se trataba dun viño novo ou con crianza, a anada e a adega. O xurado estivo formado por Emilio Blanco Tilves, técnico de adega e viñedo en Finca Míllara, e Isadora Calaca Souza, ambos vinculados ao ámbito da formación en vitivinicultura e restauración.
Tras a cata e o reconto das puntuacións, foi necesario un desempate para determinar a segunda posición. Finalmente, o segundo premio recaeu en Emilia Sandra Macía González e Pablo González Gómez, propietarios da adega EDV Viticultores, quen recibiron un lote de viño.
O primeiro posto foi para Iago Groba Caride e Maximino Castelo Alonso, alumnos do primeiro curso do Ciclo Formativo de Grao Superior de Vitivinicultura do CIFP A Granxa, en Ponteareas, que tamén foron premiados cun lote de viño.
Ademais destes galardóns, as parellas gañadoras recibirán outros premios que se entregarán o vindeiro 29 de marzo no recinto feiral da Feira do Viño de Amandi, coincidindo coa entrega de premios da cata oficial. Entre eles figuran unha comida ou cea nun restaurante de Sober, unha experiencia en quad e trofeos de cerámica de Gundivós.
O concurso concluíu cun aperitivo servido nas instalacións da Escola de Hostalería e Vitivinicultura da Fundación Belarmino Fernández Iglesias, elaborado polo alumnado dos ciclos formativos de cociña e restauración. O menú incluíu elaboracións como saam de ensalada César, croquetas, filloas de grelos con codillo, ovo con pataca e chourizo, ademais de sobremesas como tiramisú e bica de nata, todo iso maridado con viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.