O Centro Cívico de Monforte de Lemos acolleu a conferencia 'Envellecer de forma activa', enmarcada no programa Xunt@s
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu no Centro Cívico de Monforte de Lemos a conferencia 'Envellecer de forma activa', enmarcada no programa Xunt@s que a institución provincial está desenvolvendo pola provincia dende principios de ano. Unha charla á que asistiu numeroso público, e que foi impartida por Laureano Negrón Blanco, xerontólogo no HULA.
José Tomé deu a benvida aos participantes e destacou o nivel da conferenciante, cunha ampla experiencia no ámbito do envellecemento activo e saudable.
“O programa Xunt@s quere servir de altofalante para que o traballo que fan persoas como Laureano Negrón chegue a máis sectores da sociedade e nos axude a asumir hábitos, de conduta e de actitude, que favorezan o envellecemento saudable, tanto no eido físico, como no que respecta á saúde mental, á que cada vez temos que prestar maior atención”, subliñou.
“Hoxe vivimos máis tempo, e debemos procurar que ese tempo teña sempre calidade de vida. Con este obxectivo traballamos cada día dende o Concello de Monforte, e tamén dende a Deputación de Lugo, para proporcionar servizos públicos de calidade que favorecen o benestar das persoas. Como se adoita dicir: darlle anos á vida e vida aos anos”.
Neste obxectivo, recalcou Tomé, “é imprescindible apostar por unha sanidade pública, gratuíta, de calidade e verdadeiramente universal. Unha sanidade que chegue por igual a todos e todas os veciños, vivan no urbano ou no rural, porque, se os centros de saúde ou os hospitais non teñen o cadro de persoal co que foron pensados, sofre a saúde das persoas e sofre o persoal sanitario, obrigado a traballar de máis”.