O Centrad pón en marcha roteiros para dar a coñecer a artesanía da provincia
O Centro de Artesanía e Deseño bota a andar o programa Lugo é Artesanía, con visitas a unha vintena de obradoiros das distintas comarcas durante os meses de xullo, agosto e setembro.
As visitas guiadas ofrécense en dous formatos, baixo o epígrafe, Xornadas Viaxeiras, no que as persoas asistentes se achegarán, nun mesmo día, a diferentes obradoiros dentro de cada comarca para afondar na relación que cada oficio garda coas características físicas do territorio no que se ubica e tamén no seu patrimonio cultural e etnográfico; e Experimenta Artesanía, no que se propón profundizar nas técnicas e nos proxectos profesionais e vitais de cada artesán ou artesá.
Segundo explican dende a organización, "é unha iniciativa pensada para que as persoas participantes coñezan os obradoiros como espazos de traballo e de creación de obxectos únicos, pero tamén para poñer en valor, a través deles, os elementos culturais, patrimoniais e naturais de cada comarca”
As persoas interesadas en participar nas visitas deben inscribirse previamente a través do enderezo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org ou no teléfono 982210066. O prazo ábrese o luns, 5 de xullo, ás 9.00 horas. As solicitudes atenderanse por orde de inscrición ata completar a capacidade.
XORNADAS VIAXEIRAS
1.- XORNADA MONDOÑEDO, 10 de xullo
Nesta primeira xornada farase un percorrido pola cidade histórica de Mondoñedo visitando o barrio dos Muíños para coñecer o escenógrafo e titiriteiro Ton Arenas, o canteiro Fernando Vilariño e os talleres de cerámica Esquina Atlántica e de serigrafía artística Estudio Estampa. Máximo 20 persoas
2.- XORNADA SUR (Ribeira Sacra e Sarria), 17 de xullo
Na segunda das xornadas visitarase a olería da Reitoral de Gundivós e do Obradoiro Fígulus, unha barreira e un forno comunitario con xantar de pícnic nun dos miradoiros da Ribeira Sacra para continuar camiño cara ao obradoiro do luthier Germán Arias en Sarria. Máximo 15 persoas
3.- XORNADA TERRA CHÁ (Outeiro de Rei e Xermade), 21 de agosto
Na terceira xornada viaxeira visitarán terras chairegas para coñecer o traballo artesán de Idoia Cuesta e Xaneco. Xantarán de pícnic en Penas de Rodas e, pola tarde, visitarán o torneiro Vicente Ledo na aldea artesá da Fraga. Máximo 15 persoas.
4.- XORNADA LUGO, 11 setembro
A cuarta xornada viaxeira será, integramente, a pé, con visitas culturais á cidade de Lugo. Coñecerase de preto o traballo de construción de gaitas de Lis, o deseño en cerámica de Mi madre no me deja e a marroquinería de Querqur Leathercraft. Máximo 15 persoas
5.- XORNADA LUGO, 12 de setembro
Na quinta xornada viaxeira continuarán a pé con visitas culturais á cidade de Lugo, de camiño aos obradoiros de cerámica, gravado e cartón pedra de Ceniza de Papel, Augatinta e Marga Portomeñe. Máximo 15 persoas
6.- XORNADA MARIÑA, 18 de setembro
A sexta xornada visitarán a obra do artista e ceramista Caxigueiro, no Espazo Caritel en Foz, percorrerán a Península da Paz, San Cibrao, onde visitarán o carpinteiro de ribeira, Francisco Fra, para acabar no monte de San Roque onde xantarán de pícnic. Para finalizar a xornada, visitarán o complexo Regal Xunqueira e o traballo de Alfonso Otero Regal. Máximo 15 persoas
7.- XORNADA RIOTORTO, 25 de setembro
Na sétima e última xornada coñecerase o traballo dos ferreiros de Riotorto, a extraordinaria paisaxe que os acolle e a arquitectura etnográfica do seu oficio. Máximo 15 persoas
EXPERIMENTA ARTESANÍA. Turismo Artesanal Activo
- VINUM ET LÚTUM, 11 de xullo. Reitoral de Gundivós, Sober. Máximo 15 persoas. Horario de 9.00 h a 17.00 h
- ARTE E CERÁMICA, 18 de xullo. Regal Xunqueira, Viveiro. Máximo 22 persoas. Horario de 10.00 h a 14.00 h
- OLARÍA TRADICIONAL DA RIBEIRA SACRA, 1 de agosto. Obradoiro Fígulus, Proendos, Sober. Máximo 15 persoas. Horario de 10.00 h a 20.00 h
- MAIS QUE BARRO, 8 de agosto. Obradoiro Ceniza de Papel, Lugo. Máximo 8 persoas. Horario de 11.00 h a 18.00 h
- O TORNEADO: UN OFICIO SECULAR, 22 de agosto. Aldea artesá da Fraga, Lugar de Cazás, Xermade. Máximo 3 persoas. Horario de 10.00 h a 18.00 h
- O MUNDO DOS BARCOS DE MADEIRA: DESEÑO E TRAZADO, 29 de agosto Estaleiros Fra, San Cibrao Lugo Máximo 6 persoas. Horario de 10.00 h a 18.00 h
- AO REDOR DA MÁSCARA ROMANA, 5 de setembro. Obradoiro Marga Portomeñe, Lugo. Máximo 12 persoas. Horario de 10.00 h a 19.00 h
- TECENDO A NATUREZA, 19 setembro. Obradoiro Idoia Cuesta, Outeiro de Rei. Máximo 8 persoas. Horario de 10.00 h a 18.00 h