O CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober celebra unha xornada de portas abertas para as familias

O CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober abrirá as súas portas ás familias interesadas o vindeiro 25 de febreiro, cunha xornada destinada a dar a coñecer o centro e a súa oferta educativa. A cita terá lugar ás 16:00 horas e permitirá ás persoas asistentes achegarse ao funcionamento diario do colexio.
Durante a xornada, as familias poderán coñecer de primeira man os distintos servizos e proxectos que ofrece o centro, entre os que se inclúen grupos reducidos, obradoiros internivel, radio escolar, auxiliar de conversa nativa, comedor con cociña propia, biblioteca creativa e o programa PLAMBE. O colexio aposta tamén pola apertura á contorna natural e conta cunha ampla oferta de actividades extraescolares.
Ademais, o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober dispón do servizo Concilia, activo de 7:45 a 9:30 horas e de 15:45 a 17:30 horas, pensado para facilitar a conciliación das familias.
Esta xornada de portas abertas preséntase como unha oportunidade para que as familias coñezan o proxecto educativo do centro e resolvan dúbidas de cara á próxima etapa escolar.