O CEIP de Quiroga rendeu homenaxe ao Entroido Choqueiro e ás figuras tradicionais de Bendilló

O Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga sumouse á celebración do Entroido cunha iniciativa centrada na recuperación e divulgación do chamado Entroido Choqueiro, unha tradición hoxe desaparecida que estivo moi presente en núcleos como Bendilló, A Enciñeira, O Castelo e Os Novaes.
Ao longo da pasada semana, o alumnado do centro participou en charlas impartidas polo historiador Ramón Vila, director dos museos de Quiroga, quen explicou a singularidade destas celebracións a partir de testemuños veciñais e de antigas publicacións de prensa. Entre as figuras máis destacadas atópanse o touro e o toureiro de Bendilló, protagonistas do martes de Entroido, así como outros personaxes como a pampórniga ou o Meco, característicos de distintas parroquias do municipio.
En Bendilló, o Entroido incluía o domingo fareleiro, no que a mocidade se cubría de farelo ou borrallo, e o desfile do touro, un disfrace artesanal sostido por un só mozo e elaborado con madeira e teas de cores. Tradicións semellantes dabanse na Enciñeira, onde o touro saía acompañado do piqueiro, ou nos Novaes e no Castelo, onde o Meco era paseado e finalmente queimado tras sortear a vixilancia da veciñanza.
Con esta iniciativa, o CEIP de Quiroga busca tamén recuperar o espírito creativo daqueles entroidos, fomentando o uso de disfraces elaborados con roupa e materiais reutilizados. Por este motivo, durante a próxima semana, tanto o alumnado como o profesorado deberán acudir cada día cunha peza distinta atopada na casa.
O programa concluirá o venres 13 de febreiro cun baile e unha foliada no centro, que abrirá as súas portas ás familias como homenaxe final ás figuras do Entroido tradicional de Bendilló e ao patrimonio cultural do municipio.