O CEIP de Quiroga consolidouse durante este curso como exemplo de aprendizaxe activa sobre o coidado dos ríos

O alumnado de 5.º e 6.º de Educación Primaria do CEIP de Quiroga participou este xoves no Congreso Final do proxecto educativo ‘Gústame o meu río, ensíname a coidalo’, promovido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Durante o curso escolar, o centro traballou arredor deste proxecto a través de obradoiros e saídas ao río Quiroga, co obxectivo de coñecer mellor o ecosistema fluvial e promover o seu coidado. Como colofón ao traballo realizado, o congreso reuniu tamén ao CEIP da Virxe da Quinta Angustia de Cacabelos (León) e ao CEIP de Monforte de Lemos, co que se compartiron experiencias e resultados.
O alumnado de Quiroga presentou o seu póster explicativo e unha presentación de diapositivas sobre o río Quiroga, ademais de interpretar unha canción que resume o aprendido durante o proxecto. A actividade incluíu unha visita guiada á Lagoa de Fonmiñá e xogos educativos ao aire libre, nun ambiente de convivencia entre centros participantes. A xornada rematou cun xantar colectivo nos arredores da lagoa.
Desde o centro educativo agradecen á organización e, especialmente, ao equipo de monitores, o acompañamento e aprendizaxe durante este proxecto.