O CEIP de Bóveda sementa igualdade e loita contra a violencia de xénero
A concelleira de Cultura e Ensinanza, Cristina Juíz, visitou o CEIP Rosalía de Castro de Bóveda para achegarlle aos nenos e nenas a campaña de sensibilización contra a violencia de xénero 'Sementando igualdade'.
Durante a visita, a directora do centro, Ana de la Fuente, fíxolle entrega da árbore da igualdade, que pretende converterse nun símbolo con presenza en todo o Concello, a través da súa colocación nos distintos espazos públicos municipais. Os nenos e nenas tamén recibiron un adhesivo con este emblema.
Ademais, o Goberno local aproveitou a conmemoración do 25N para agasallar a cada alumno cunha guía dos Bolechas baixo o título 'En Bóveda somos iguais'. Esta acción forma parte da campaña 'Sementando igualdade' coa que se pretende seguir afondando na importancia de conseguir unha igualdade real entre homes e mulleres. De aí a creación da árbore da igualdade.