O CEIP da Pobra do Brollón celebra este sábado os seus 50 anos
O acto terá lugar dous días despois da concentración en defensa do ensino no rural que acolleu a profesorado e representantes das familias da Pobra, O Incio e Bóveda.
Este sábado, 22 de xullo, terá lugar a celebración do 50 aniversario do CEIP da Pobra do Brollón a partir das 11.30 horas.
Durante a xornada, profesores, directores, alumnado, pais e nais, promotores da ANPA, ex alumnos e ex equipo docente poderán participar das diferentes actividdades programadas para este día.
Así, a primeira delas será a visita ao colexio, onde haberá unha exposición de imaxes e materiais da historia do centro educativo desde a súa posta en funcionamento no ano 1973 ata o día actual, 2023; e, por último, poderanse desfrutar de pinchos e viño da Ribeira Sacra.
Acto marcado pola concentración en defensa do rural
Este acto de celebración ten lugar dous días despois de que o pasado xoves, 20 de xullo, se concentrara parte do profesorado e das familias da Pobra do Brollón, xunto coas familias do Incio e de Bóveda, nun acto de protesta fronte á situación de recortes que se está a desenvolver no profesorado do rural.
Así, desde o PSOE da Pobra defenden que "é unha mágoa que este acto de celebración e de orgullo para o noso concello véxase embazado pola triste noticia de que tras a xubilación da súa directora e profesora, desde a Consellería da Xunta decidisen non cubrir esta praza, polo que o colexio contará para este ano cun profesor menos, o que obrigará a xuntar os cursos de 1º,2º e 3º e os 4º, 5º e 6º de primaria, en detrimento dunha educación de calidade para os nosos mozos".
Por iso, desde a agrupación do PSOE A Pobra do Brollón apoian á ANPA e profesorado do CEIP A Pobra do Brollón e "reivindicar un ensino de calidade, debido a que o rural galego precisa un plan educativo específico".