O Castro de San Lourenzo, en A Pobra do Brollón, acolle un campo de voluntariado

RibeiraSacraXa
O Castro de San Lourenzo, en A Pobra do Brollón, acolle un campo de voluntariado ata o vindeiro venres 12 de agosto
campo voluntariado sanlourenzo2
7 Ago 2022

Comeza o campo de voluntariado no Castro de San Lourenzo na parroquia de Cereixa, en A Pobra do Brollón. Os 11 voluntarios procedentes de diferentes puntos de España e México, apoiarán ata o 12 de agosto os labores arqueolóxicos e comunitarios.

Trátase do quinto campo de voluntariado que ten lugar no castro, financiado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Pobra do Brollón. O campo prodúcese no marco do Proxecto San Lourenzo de arqueoloxía en comunidade.

O grupo de voluntarios recibirán formación nos diferentes aspectos da actividade arqueolóxica e apoiarán a oitava campaña de escavacións que se desenvolve no castro, dirixida por Xurxo Ayán. Os participantes tamén colaborarán na organización da Romaría de San Lourenzo, que se celebrará o mércores 10 de agosto no propio xacemento.

Ademais das tarefas no Castro de San Lourenzo, os voluntarios dedicarán parte do seu tempo na Pobra do Brollón a coñecer outros xacementos e elementos patrimoniais de Cereixa e do municipio.

“É un pracer volver acoller os voluntarios e voluntarias do campo na Pobra do Brollón,” comenta o tenente de alcalde, Ricardo Rodicio. “O campo de voluntariado é un xeito de apoiar e dar a coñecer todo o traballo de arqueoloxía en comunidade que se está a facer dende hai anos no municipio, do que o Proxecto San Lourenzo é punta de lanza e referente”.

campo voluntariado sanlourenzo
0.19275903701782