O cantautor e enxeñeiro agrícola Rubén Gutiérrez protagonizará o novo faladoiro de Quiroga

RibeiraSacraXa
Será este mércores, 26 de febreiro, no Centro Social
Peitoescuro
Peitoescuro
24 Feb 2025

Rubén Gutiérrez, un enxeñeiro agrícola madrileño, asentado nas Covas, será o novo protagonista do Faladoiro que este mércores 26 de febreiro acollerá o Centro Social de Quiroga.

Gutiérrez non só é un enxeñeiro especializado en olivicultura que lle gusta “traballar sempre coas mans manchadas de terra”, se non tamén un cantautor, que baixo o nome de Peitoescuro, ven de presentar o seu primeiro sinxelo. Unha produción de Iago Pico, que traballa coas Tranxugueiras e que leva por título “Alvorada”.

Moderado por Xosé Manuel Fernández Montes, Peitoescuro falará sobre a súa decisión de abandonar a cidade hai nove anos para instalarse nun entorno rural, no que atopa unha fonte de inspiración para a súa música. A natureza e o traballo no campo influíron nunhas composicións que reflicten a conexión directa coa terra e as tradicións locais.

Peitoescuro, nome que o artista buscou inspirado nuns paxaros os “paporrubios”, traballa no seu segundo vídeo clip que xunto con “Alvorada” formará parte dunha triloxía como adianto do álbum que sacará este ano.

O coloquio, que comezará ás 18.00 horas, é un espazo aberto á veciñanza para a socialización, o coñecemento e a participación cidadá, onde tras unha breve presentación da persoa convidada, unha charla co moderador introduce un tema no que os participantes poden intervir con preguntas ou contando as súas propias experiencias.

⚙ Configurar cookies
0.19363498687744