O candidato a deputado polo BNG visita o lugar de Repil na Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
O candidato a deputado polo BNG visita o lugar de Repil na Pobra do Brollón e defende un "Día da Galiza Mártir"
Daniel Castro na Pobra do  brollón
19 Xul 2023

Daniel Castro, o cabeza de lista do BNG por Lugo, visitou o lugar de Repil, na Pobra do Brollón, onde o goberno municipal do BNG impulsou varias iniciativas relacionadas coa recuperación da memoria histórica.

"Dada a situación de retroceso antidemocrático que estamos a vivir en Galicia, mais tamén de maneira global, cunha reaparición de forzas políticas claramente fascistas ancoradas no pasado, a memoria histórica tórnase máis importante ca nunca, tamén á hora de escoller o voto", declarou Castro lembrando o acontecido nese lugar hai 74 anos, cando foron asasinados nun tiroteo un grupo de guerrilleiros antifascistas.

Durante a visita, o candidato a deputado polo BNG puido ver a munición atopada no lugar durante as escavacións arqueolóxicas e coñecer de primeira man todo o proceso levado a cabo polo goberno municipal do BNG para a restauración deste lugar.

LEI DE MEMORIA HISTÓRICA DEMOCRÁTICA

Daniel Castro afirmou que "precisamos pór en marcha unha lei de memoria histórica democrática, antifascista e galega, que permita ás galegas e galegos coñecer a verdade e na que se investigue a represión sufrida polo noso pobo rachando coas trabas de acceso existentes ata o de agora na documentación e nos arquivos".

"A día de hoxe, unha persoa tan destacable da nosa historia como Alexandre Bóveda aínda ten en vigor unha condena por traizón desde o ano 1936, despois do levantamento militar franquista", afirmou Daniel Castro, que engadiu "precisamos unha lei galega de memoria histórica que restaure as figuras destacables do noso pasado, o pobo galego non pode lembrar a Bóveda como un traidor".

O número un ao Congreso defendeu a institucionalización do "Día da Galiza Mártir" como lembranza de Bóveda e de todas as persoas perseguidas e asasinadas polo fascismo. "Este 23 de xullo podemos facer historia por dúas bandas, podemos conseguir un grupo galego forte no Congreso, e podemos reparar a débeda histórica que o pobo galego ten con figuras coma Alexandre Bóveda votando ao BNG", sentenciou Daniel Castro.

0.20217680931091