O Campionato Galego de Contrarreloxo Individual desenvolverase este venres na Pobra do Brollón
A Pobra do Brollón acollerá o venres o Campionato Galego de Contrarreloxo Individual, organizado pola Federación Galega de Ciclismo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O vicepresidente Efrén Castro participou na presentación da proba, que reunirá máis de 200 ciclistas das categorías Sub 23, Elite, Juniors, Master, Infantil, Cadete e Paraciclismo, masculinas e femininas, con 15 títulos galegos en xogo.
Efrén Castro explicou que “a colaboración na organización do Campionato de Contrarreloxo Individual reforza a aposta da área de Deportes polo ciclismo como plataforma para promocionar a riqueza natural e o patrimonio das comarcas de Lugo” e destacou tamén “a contribución destas probas a impulsar o tecido afeccionado e profesional deste deporte”.
No acto, na Casa da Cultura da Pobra do Brollón, o alcalde Xosé Lois Maceda valorou o campionato como “unha oportunidade máis para amosar A Pobra do Brollón de cara ao exterior e para seguir dinamizando a economía local en torno ao turismo” e subliñou “a importancia da colaboración institucional para que este tipo de eventos se celebren en concellos rurais”
As categorías Juniors, Sub 23, Elite e Master terán que completar un percorrido de 23,5 quilómetros, nun traxecto de ida e volta entre A Pobra do Brollón e Bóveda, pasando por Cereixa. No caso de paraciclismo, infantil e cadete, o circuíto será de 11,7 quilómetros, entre A Pobra do Brollón e Fornelas.
As competicións desenvolveranse ao longo da mañá, desde as 9.30 horas, cando está prevista a saída dos primeiros participantes.