O Campionato de España de Taekwondo reuniu a 373 deportistas e arredor de 1.500 persoas de público
O alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, fixo entrega dos diferentes trofeos e medallas correspondentes ao Campionato de España de Taekwondo que se celebrou no novo Pavillón polideportivo municipal da Pinguela.
Nos actos, o alcalde estivo acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, o concelleiro de Medio ambiente, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, a concelleira de Consumo, Regina López e a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.
Tamén estiveron presentes o presidente Real Federación Española de Taekwondo, Jesús Castellanos Pueblas; o xefe do Servicio Provincial de Deportes, Manuel Otero Méndez; e o director deportivo do Ximnasio Neka, José María Vega.
Este Campionato de España de Taekwondo reuniu en Monforte a 373 taekwondistas procedentes das 17 Comunidades Autónomas de España. Polo tanto, dende o Concello estímanse en máis de 1.500 as persoas que puideron acudir a Monforte con motivo deste Campionato de España.
As competicións desenvolvéronse en xornada de mañá e tarde dende as 9.00 horas e ata as 13.30 horas disputouse a modalidade de Poomsae (técnica). Pola tarde, de 15.00 a 17.00 horas, foi a quenda da modalidade de Freestyle.
No Campionato participaron 11 taekwondistas monfortinos. En sénior, Alejandro Losada, Marco García, Carlos Rey, Daniel Areán y Laura Álvarez. En júnior, Aitor Teijeiro, Alan David Bustamante e Lucía Roca. En cadete, Inés Casal, Aya Jabni e Alicia Castro.
Colaboración do Concello de Monforte
Para a disputa deste importante campionato na cidade do Cabe, o Concello de Monforte achegou unha axuda de 5.000 euros para o Campionato e o Deputación Provincial de Lugo tamén se aportaron outros 5.000 euros, “aportando o 66,6%, que son 2/3 do custe do canon de 15.000 euros que a Federación Española de Taekwondo estipulou para conceder a celebración do Campionato na nosa cidade”.
As condicións que ofrece o novo Pavillón da Pinguela, xunto cos éxitos acadados nos últimos anos polos taekwondistas monfortinos, foron decisivos para a consecución deste campionato que se desenvolveu con total normalidade, sendo un éxito de organización e participación.
Jesús Castellanos Pueblas, presidente da Real Federación Española de Taekwondo entregoulle ao alcalde de Monforte, José Tomé Roca unha placa en agradecemento pola súa colaboración co Teekwondo Español. Este Campionato celébrase unha vez ao ano en España e puntúa para formar parte da Selección Española que acudirá ó Mundial de Hong Kong, en decembro deste ano 2024.
As medallas obtidas por deportistas de Monforte no Campionato de España de Taekwondo en Monforte son:
- Álex Camba: ouro individual e ouro en trío
- Laura Álvarez: prata en individual e parella
- Daniel Areán: prata en parella
- Carlos Rey: ouro en trío e bronce en parella
- Marco García: ouro en trío
- Lucía Roca: prata en parella e ouro en trío
- Aitor Teijeiro: Prata en parella
- Inés Casal: bronce en trío
- Alicia Castro: bronce en trío
- Aya Jabni: bronce en trío