O campamento de verán da Pobra do Brollón amplía as súas horas e os días
O Concello da Pobra do Brollón vén de anunciar que amplía o horario do campamento de verán para facilitar a conciliación laboral e familiar das familias que teñen apuntadas aos seus fillos e fillas a esta iniciativa para os nenos e as nenas do municipio.
Así, establecen o novo horario en 8 horas seguidas, de 8.00 a 16.00 horas todos os días e as familias poden elixir que horas usar o servizo segundo conveniencia, ademais de que se prolongará ata o vindeiro 31 de agosto.
Actualmente, as prazas están todas ocupadas polas familias xa inscritas no campamento de verán, pero desde o goberno local explican que informarán de se quedan prazas libres para poder apuntarse máis nenos e nenas.
Este servizo de conciliación realízase coa axuda do Plan Corresponsables no ámbito local, concedida pola Consellería de Igualdade da Xunta e cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus.