O Camiño do Ferradal, próxima ruta do programa turístico “Descubrir Quiroga”

Este domingo, 29 de xuño, o programa “Descubrir Quiroga”, impulsado pola Concellería de Turismo coa colaboración da Deputación de Lugo, propón un novo itinerario dentro da súa segunda edición: o Camiño do Ferradal.
A saída está prevista para as 9:00 da mañá, en dirección á aldea de Soldón. Desde alí, as persoas participantes realizarán un percorrido duns 11 quilómetros que mestura historia e natureza.
A ruta estará guiada por integrantes da empresa Coureleando, que explicarán o vínculo do sendeiro coa antiga actividade mineira do ferro na época romana e castrexa. Ao longo do camiño atravesaranse vieiros antigos, ríos, ladeiras e lindes naturais.
Ao remate da andaina, haberá unha degustación de pinchos na Ferrería de Rugando.
A actividade é gratuíta e as persoas interesadas poden inscribirse na Oficina de Turismo de Quiroga, chamando ao 982 43 51 25 ou escribindo a turismo.quiroga@eidolocal.es.