O Calasancio entrega o pin de ouro a Javier Anido a título póstumo
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada e polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, participou na Festa Fin de Tempada 2023-2024 que o CP Calasancio celebrou no salón de actos do Colexio de Nosa Señora da Antiga-Escolapios.
En concreto, ás 9 da noite o rexedor monfortino presidiu a clausura da tempada e entregou os distintivos de prata outorgados polo club Calasancio ós xogadores que, por idade, teñen que deixar o club en dita tempada.
Durante o acto, tamén se fixo entrega do Trofeo Alex Blanco a dous xogadores en recoñecemento aos seus méritos.
Tamén se lle outorgou, a título póstumo, o pin de ouro do club Calasancio a Javier Anido, o cal foi recollido pola súa muller, Marina Armesto, que estivo acompañada polos seus fillos. Anido foi responsable de mantemento das instalacións do Calasancio durante máis de dúas décadas. Faleceu o 6 de abril de 2024.
Na súa intervención, José Tomé tivo un sentido recordo para Javier Anido, “un amigo co que traballamos en moitas ocasións”. Tamén destacou o rexedor monfortino a estreita colaboración que o Concello mantén co club, non só a través das axudas que lles proporcionan como club deportivo, senón tamén con investimentos na mellora das súas instalacións deportivas, como a recente renovación do céspede artificial do campo, cun investimento de 190.000 euros.
Tras a clausura oficial da tempada, tivo lugar unha cea de confraternidade no pavillón polideportivo do colexio.