O bus urbano de Monforte alcanza récord de pasaxeiros

RibeiraSacraXa
O bus urbano de Monforte de Lemos alcanzará os 50.000 viaxeiros a finais de ano, a mellor cifra da súa historia.
bus parada escolar
25 Out 2021

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer os datos correspondentes ó número de pasaxeiros que utilizaron o autobús urbano de Monforte no que levamos de ano 2021, que alcanza os 37.550 usuarios de xaneiro a setembro.

O dato é certamente relevante porque “a media mensual neste 2021 supera ás 4.000 persoas ó mes, polo que a previsión é, se se manteñen as cifras nos meses que restan, rebasar a finais de ano os 50.000 usuarios”, destaca o alcalde.

Do mesmo xeito, Tomé subliñou que “o novo bus urbano gratuíto de Monforte transportou, en 2020, un 240% máis de persoas que en 2019, e a finais de 2021, suporá o 346% máis de viaxeiros, o que significa todo un éxito para este servizo de trasporte público municipal dende que comezou a funcionar cun novo vehículo e de xeito gratuíto en febreiro de 2020”.

En números absolutos, mentres que en 2019 foron 14.422 os usuarios, en 2020 ascenderon ata 34.665, o que supón 20.233 persoas máis que en 2019. E en 2021, con respecto a 2019, son 23.128 usuarios máis, sen contar os tres meses que restan para finalizar o ano.

Hai que ter en conta ademais que en 2020 o servizo do bus urbano estivo suspendido en Monforte por un período de case dous meses, en concreto entre o 14 de marzo e o 10 de maio, tras o estado de alarma decretado polo Goberno de España a raíz da crise do covid19. Polo tanto as cifras aportadas para 2020 son sobre 10 meses de servizo, fronte ós 12 meses de funcionamento en 2019.

0.1878559589386