O BNG urxe a garantir o acceso á conexión de telefonía e Internet no Courel
Néstor Rego reclama acortar os prazos para a extensión da banda ancha ultrarrápida nas zonas rurais de Lugo.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas relativas á fenda dixital e ás dificultades de acceso a Internet e telefonía en comarcas de Lugo, especialmente no Courel. O pasado 25 de maio apagaron a central de telefonía por cobre o que provocou que numerosas casas quedasen sen este servizo.
O BNG demanda medidas urxentes para reducir a fenda dixital e garantir o dereito da cidadanía a acceder á telefonía e as novas tecnoloxías como un servizo básico universal. Exixe acortar os prazos para a extensión da banda ancha ultrarrápida en Lugo, así como no medio rural, para asegurar a cobertura de telefonía e internet, básica para o traballo, a actividade comercial e económica.
Segundo os datos aportados polo Secretario de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas, Galiza é un dos territorios con peor conectividade e velocidade da Internet, sobre todo nas zonas rurais ou de montaña. Cabe destacar que Lugo é a circunscripción con máis zonas sen cobertura ou dificultades para acceder de forma rápida e estable a internet.
“Sófrena moitas poboacións da montaña de Lugo, doutras comarcas e mesmo sucede en moitos barrios da cidade de Lugo”
O pasado 25 de maio clausurouse a “central de telefonía por cobre” do Courel e numerosas casas quedaron sen acceso a internet. Algúns fogares quedaron mesmo sen liña telefónica. “Queremos coñecer se o executivo fará algo para solucionar este problema de conexión na zona do Courel para garantir o servizo de telefonía fixo e Internet” demanda o deputado do BNG.
Moitos veciños e veciñas cando tentan cambiar de compañía atópanse cunha total falta de garantías para o acceso a internet e telefonía estábel, e encóntranse co pretexto das “difíciles condicións da orografía, o feito de tratarse de zona de montaña e as condicións climatolóxicas”. Esta situación non é nova e non é específica da zona do Courel. “Sófrena moitas poboacións da montaña de Lugo, doutras comarcas e mesmo sucede en moitos barrios da cidade de Lugo” subliña Rego.
“O Goberno do Estado debe levar a cabo medidas para reducir a fenda dixital que sofren poboacións do medio rural de Lugo. Deben garantirse os seus dereitos de acceso á telefonía e ás novas tecnoloxías nas mesmas condicións de custo do servizo e cobertura que outras zonas” reivindica o deputado do BNG. Así mesmo, reclama información sobre os prazos temporais previstos polo Ministerio para a extensión da banda ancha ultrarrápida en Lugo e se nese plan se inclúen as comarcas da Montaña de Lugo.
"A fenda dixital e telefónica é unha realidade que conleva consecuencias económicas, comerciais, sociais..."
“O acceso universal ás tecnoloxías é un dereito contemplado na lexislación. Con todo, tal e como estamos a exemplificar, no caso do territorio lucense non se cumpre” explica. Asemade, lembrou que o Goberno do Estado adxudicou, en decembro, á compañía Telefónica un plan de extensión da banda ancha ultrarrápida en Lugo. A compañía indicou que levaría a conexión 5G en banda de 700 Mhz a Lugo e aos municipios de Castro de Rei, O Corgo, Foz, Sarria, Becerreá, Begonte, A Fonsagrada, Friol, Monforte, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, Ribadeo, Taboada, Vilalba, Viveiro, Burela, Chantada e Mondoñedo.
Antes da pandemia encomendouse á empresa Adamo outro plan para a extensión da banda ancha que se supón debe estar terminado neste ano 2022. “A cuestión é que os habitantes das distintas comarcas de Lugo non contan coas debidas garantías para o normal acceso e en boas condicións ás novas tecnoloxías. A fenda dixital e telefónica é unha realidade que conleva consecuencias económicas, comerciais, sociais, déficit no desenvolvemento tecnolóxico e é unha rémora para atraer poboación que se asente no medio rural, precisamente nun territorio que padece un gran despoboamento” conclúe Rego.