O BNG saca adiante no Senado unha iniciativa para recuperar as comunicacións nas zonas afectadas polos incendios

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
A moción céntrase especialmente na situación de varios municipios das provincias de Lugo e Ourense, onde os lumes danaron infraestruturas clave de telecomunicacións
Carmen da Silva
Carme da Silva
17 Dec 2025

O Senado aprobou este mércores por unanimidade unha iniciativa presentada polo BNG para instar ao Goberno a actuar con urxencia na restauración dos servizos de internet e telefonía móbil nos concellos galegos afectados polos incendios do pasado verán. A proposta, defendida pola senadora Carme da Silva, tamén reclama acelerar o despregamento da banda ancha en todo o territorio galego.

A moción céntrase especialmente na situación de varios municipios das provincias de Lugo e Ourense, onde os lumes danaron infraestruturas clave de telecomunicacións, provocando problemas persistentes de conexión. Concellos como Trives, Manzaneda, A Mezquita ou Chandrexa de Queixa levan meses con servizos provisionais e interrupcións frecuentes que dificultan o desenvolvemento de tarefas cotiás, segundo denuncian os nacionalistas.

Da Silva subliña que agora o Goberno “ten que tomar as medidas necesarias para garantir a conexión” e, se é preciso, “exixir ás operadoras que solucionen de maneira urxente e fiábel os problemas de conexión e cobertura” nas zonas afectadas polos lumes. O texto aprobado tamén recolle que “o Goberno debe adoptar medidas para evitar a incomunicación das poboacións afectadas e garantir o acceso aos servizos esenciais mentres non sexa restablecida a rede definitiva”.

Ademais, a iniciativa demanda que se complete o despregamento da fibra óptica no rural galego ata chegar á totalidade dos fogares, en liña cos obxectivos do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais de Banda Ancha. Neste sentido, a senadora lembrou que “as operadoras recibiron fondos públicos e teñen que garantir a cobertura, a calidade e o acceso universal, tal e como marca a lei”, advertindo de que non cumprir estes compromisos no rural “significa condenar estas zonas ao illamento dixital e demográfico”.

⚙ Configurar cookies
0.075289011001587