O BNG retira a súa proposta para nomear a Xosé Estévez Rodríguez Fillo Predilecto de Quiroga

O BNG de Quiroga anuncia a retirada da solicitude para o nomeamento de Xosé Estévez Rodríguez como Fillo Predilecto de Quiroga, un trámite que comezara o pasado mes de outubro, cando o BNG presentou un escrito solicitando a incoación do expediente conforme ao Regulamento de Títulos, Honores e Distincións Oficiais do Concello. Na solicitude destacábanse os méritos de Estévez Rodríguez na defensa da cultura, da historia e dos intereses de Quiroga e da súa veciñanza.
Tras a aprobación inicial por maioría na Xunta de Goberno local, iniciouse a tramitación formal do expediente. Non obstante, despois de varios meses e conversas coas distintas forzas políticas do Concello, quedou claro que non sería posible acadar nin a unanimidade nin a maioría absoluta que esixe o regulamento para este tipo de nomeamentos, explican os nacionalistas.
O propio candidato xa afirmara que só aceptaría o nomeamento en caso de unanimidade, polo que se mostrou favorable á decisión de retirar a solicitude.
Desde o BNG expresan a súa decepción ante a “falta de consenso unánime da corporación municipal para sacar adiante esta iniciativa que honraría os méritos obxectivos, constatados e máis que acreditados do noso veciño Xosé Estévez Rodríguez”.