O BNG reclamará no Parlamento Galego a cobertura dunha praza de profesorado no CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober

RibeiraSacraXa
Instan á Xunta a tomar medidas ante o aumento do alumnado neste centro de ensino
iago-suarez-bng-chantada
5 Feb 2026

O BNG do sur de Lugo levará ao Parlamento Galego unha iniciativa para esixir o aumento do profesorado no CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober. Denuncian que, tras aumentar o alumnado do centro, as aulas de 1º e 2º de Primaria seguen estando agrupadas pese a superar a ratio de 14 alumnos.

Neste sentido, os nacionalistas veñen de iniciar unha serie de reunións coas ANPAS do sur da provincia co obxectivo de afondar nas necesidades dos colexios rurais. O primeiro destes encontros tivo lugar precisamente no CEIP Virxe do Carme de Sober, o pasado 29 de xaneiro.

Tras esta visita, o deputado nacionalista, Iago Suárez, Suárez anunciou o rexistro dunha iniciativa parlamentar no Hórreo demandando cubrir “á maior brevidade posible esta praza, e en todo caso, durante o actual curso escolar”, xa que denuncia, “as crianzas do rural non poden ter peor ensino que os da cidade, e menos no século XXI”. Neste sentido, lembra que o aumento do alumnado “debería ser un motivo de alegría para asentar poboación”. Porén, no caso deste centro de ensino, “supón un problema para a consellaría”.

“O trato e as ratios teñen que cumprirse exactamente igual en Sober que no centro dunha cidade” explica o deputado. O BNG manifesta a súa “defensa innegociable do ensino público e da súa calidade, como unha ferramenta de ascenso social e de igualdade de oportunidades”, e denuncia “a política de desmantelamento dos servizos públicos, é se cadra aínda máis daniña no rural que no urbano”. Por iso, instarán á Xunta a tomar medidas urxentes para dotar ao centro soberino cunha praza de profesorado, tal e como contempla a normativa, e proceder o desdobramento dos grupos.

⚙ Configurar cookies
0.078488826751709