O BNG reclámalle á Xunta o arranxo da estrada a estrada LU-651 ao seu paso polo Courel
O deputado do BNG, Iago Suárez, defendeu no Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar ao Goberno da Xunta que arranxe “dunha vez por todas” a estrada LU-651 e “deixe de menosprezar á poboación do Courel, que vén sufrindo un considerable prexuízo dende o derrubamento hai xa máis de dous anos desta estrada, que une os dous núcleos de poboación principais do concello, Folgoso e Seoane", dixo.
Iago Suárez lamentou o voto en contra do PP a unha iniciativa que, en concreto, solicitaba o arranxo de maneira integral da estrada antes da fin do presente período de sesións, é dicir, antes de que remate o ano. A través da mesma proposición non de lei, o deputado da comarca reclamou tamén á Xunta que garanta que o servizo de transporte escolar no Concello de Folgoso do Caurel funcione de forma segura para as crianzas, tanto no presente curso como para os vindeiros.
“A situación é dantesca”, denunciou durante o debate en comisión o autor da iniciativa, amosándose seguro de que algo así non acontecería se tratase dunha cidade ou dunha vila máis poboada. “Isto en Pozuelo de Alarcón non acontecería, pero no Courel, si”, afirmou aludindo aos prexuízos que ocasionou para a veciñanza o derrube da LU-651, que hai meses tivo que ser pechada de novo no tramo entre Ferrería Vella e Seoane polos erros estruturais detectados.
Este novo peche obrigou a desviar todo o tránsito de vehículos, incluído o transporte escolar, por unha estrada “realmente perigosa e con tramos tremendamente estreitos, que mesmo pasan por debaixo dalgunha vivenda”, advírtese na iniciativa. Suárez subliñou, neste punto, que o estado deste desvío é tan malo que o pasado 16 de setembro rebentou un dos pneumáticos do autobús que transportaba crianzas ao colexio Poeta Uxío Novoneira, obrigando a rapaces de Infantil a ir camiñando até o centro escolar.
Iago Suárez afeou a “desidia” que está a amosar o Goberno o PP á hora de arranxar a estrada e acusou á conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, de incumprir a súa palabra despois de ter asegurado o pasado mes de xuño no Parlamento, en resposta ao BNG, que a previsión era restabelecer o tráfico da LU-651 antes do inicio do curso e “ter toda a obra rematada para o outono”.