O BNG reclama solucións aos microcortes eléctricos na provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A deputada do BNG levou a debate na Comisión 6º do Parlamento unha proposición non de lei para reclamar cambios normativos e que se tomen medidas co fin de evitar os microcortes de electricidade que sofren de maneira recorrente algunhas zonas de Lugo, no contorno da capital da provincia en municipios como Castro de Rei pero sobre todo na montaña oriental e de norte a sur da provincia, e incluso tamén na comarca ourensá de Valdeorras.
lámpadas iluminación
22 Sep 2023

A deputada do BNG levou a debate na Comisión 6º do Parlamento unha proposición non de lei para reclamar cambios normativos e que se tomen medidas co fin de evitar os microcortes de electricidade que sofren de maneira recorrente algunhas zonas de Lugo, no contorno da capital da provincia en municipios como Castro de Rei pero sobre todo na montaña oriental e de norte a sur da provincia, e incluso tamén na comarca ourensá de Valdeorras.

Na defensa da súa iniciativa, Aira explicou que este tipo de cortes que duran “milisegundos” conviven de maneira habitual con outros máis prolongados, o que fai que en moitos fogares conten cun xerador eléctrico a combustible. Son microcortes, engadiu, que poden afectar aos electrodomésticos, aparatos médicos de uso habitual, caldeiras, cociñas eléctricas, ordenadores ou caldeiras, mais tamén “á cada vez máis tecnificada agricultura e gandería”. Subliñou, así mesmo, as complicacións que supoñen para as conexións a Internet e as dificultades para todo tipo de negocios.

“Ter conexión eléctrica óptima pode ser considerado un dereito fundamental a estas alturas do século, pero como mínimo é un servizo básico imprescindíbel no rural que se debe subministrar coa maior calidade posíbel”, afirmou Carme Aira, incidindo na importancia que ten a prestación de servizos para fixar poboación. “Necesitamos que este rural viva e para que o faga non podemos permitir que quede aillado e a escuras”, advertiu.

A deputada nacionalista criticou, por outra banda, que o Goberno do Estado non está cumprindo coa súa obriga de mellorar a conectividade nestas zonas, posto que segue a haber microcortes e cortes de luz que “impiden un normal funcionamento socioeconómico polo menos na provincia de Lugo e na de Ourense”, precisou.

Carme Aira avogou por cambios na normativa estatal para que as zonas rurais non sexan discriminadas fronte ás urbanas no tratamento da calidade de rede, e pediu ademais un plan autonómico para cumprir os parámetros de calidade de rede esixidos na norma UNE-En 50.160 en colaboración coas empresas distribuidoras de electricidade. Propuxo tamén realizar unha análise sobre o estado actual do servizo eléctrico na montaña lucense e expoñer publicamente os resultados, así como as medidas correctoras necesarias para atallar as eivas detectadas.

Segundo información proporcionada pola propia Xunta, os cortes de luz se monitorizan pero sempre e cando a súa duración sexa superior os tres minutos. “A regulamentación non pon o foco nos microcortes, polo que non importa o lesivos que sexan social, laboral ou economicamente”, advertiu Aira, quen rexeitou, neste punto,  que para medir a calidade do servizo se utilice como indicador o número de queixas dos usuarios.

“En moitos casos son pouco proclives a presentar reclamacións precisamente porque as empresas subministradoras de electricidade ou Internet non se fan cargo de compensar economicamente estas interrupcións polo amplo marxe que se lles deixa”, alegou para pedir cambios normativos neste sentido.

“Pensamos dende o BNG que é  hora de poñernos no século XXI, é dicir, poder gardar os candís nos museos etnográficos e avanzar á seguinte páxina”, rematou dicindo a deputada pola provincia de Lugo, lamentando que o voto en contra do PP e a abstención dos socialistas á súa iniciativa. Os populares presentaron unha emenda rexeitada polo Bloque ao entender que “evitaba o gasto” e “non resolvía o problema”.

0.13786101341248