O BNG propón que o Concello de Monforte contrate un conserxe con diversidade funcional para o polideportivo

RibeiraSacraXa
O BNG de Monforte presenta unha moción na que demanda a contratación dunha persoa con discapacidade intelectual como conserxe do polideportivo da Pinguela.
pavillón A Pinguela Monforte renovado
20 Xan 2024

O BNG de Monforte presenta unha moción na que demanda a contratación dunha persoa con discapacidade intelectual como conserxe do polideportivo da Pinguela.

Concretamente, o concelleiro nacionalista Manuel Luaces considera que é obriga das administracións públicas "desenvolver políticas inclusivas para coas persoas con discapacidade, xa que teñen dificultade para acceder ao mercado laboral e esa é unha das carencias máis inaceptábeis das que adoece o actual sistema laboral".

Así, sostén que "os organismos públicos teñen a obriga moral de desenvolver políticas inclusivas nos distintos eidos da vida social, de entre as que debería destacar sobre o resto, as destinadas ao emprego como xeito de dignificar e empoderar a este colectivo".

Contribución desde o Concello de Monforte

Desde o BNGdin que desde o Concello de Monforte debe fomentarse "dun xeito activo a integración do colectivo de persoas con capacidade", polo que o Bloque Nacionalista Galego preguntou no pasado pleno cal sería o procedemento para cubrir a praza vacante por xubilación do conserxe do polideportivo da Pinguela, e desde o Goberno local responderon que sería cunha praza de persoal laboral.

Feitas as consultas pertinentes, desde a Federación galega de asociación en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (FADEMGA), consideran que, segundo a súa experiencia, o posto de conserxe é un dos que mellor se adapta ás capacidades deste colectivo, e que sen dúbida cumprirían á perfección.

Desta maneira, desde o BNG considera "que estamos ante unha inmellorábel oportunidade para que o concello de Monforte avance no proceso de integración laboral das persoas con discapacidade, propoñeremos no vindeiro pleno municipal que a praza de conserxe do polideportivo municipal, se reserve para a contratación dunha persoa con discapacidade intelectual".

0.16711807250977