O BNG presentou na zona sur de Lugo unha campaña de sensibilización económica
O BNG Lugo Sul comeza unha campaña de sensibilización sobre o financiamento que foi presentada para as terras de Lemos polo alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda acompañado polos portavoces municipais de Bóveda, Pantón e Monforte, Javier Castro, Rosana Prieto e Emilio J. Sánchez.
Nesta campaña, que se levará a cabo en todas as comarcas de Galicia, os nacionalistas realizarán diferentes actos e encontros coa veciñanza para explicar cales son os cálculos que os levan a asegurar que un Concerto Económico galego melloraría os importes das arcas galegas.
“Desde o BNG queremos expoñer en que consistiría un concerto económico galego, isto inclúe a xestión dos impostos tales como o de Sociedades, que como saberán, é exclusivo do Estado, ou as divisas que xeran os emigrantes ás que Galicia non ten nin acceso ”, di Prieto Florines, responsable comarcal da formación no Sur de Lugo.
“Nesta campaña cómpre pedagoxía e dar a coñecer o que valeríamos, algo que sen dúbida terá efectos positivos na autoestima colectiva, alén de aumentar o noso nivel de rendas e acabar co mantra de que somos unha terra pobre, o que propoñemos é a xestión propia dos recursos propios, e por suposto mantemos que non somos un país pobre, e podemos demostralo se xestionamos nós o noso nunha relación de igualdade co Estado”, aseguran.