O BNG pídelle á Xunta que paralice as obras para a explotación dunha canteira en Montefurado

RibeiraSacraXa
O portavoz do BNG en Quiroga e tenente de alcalde, Xosé Manuel Fernández, di que o impacto da explotación da canteira que está comezando “pode ser desastroso"
Montefurado-de-Quiroga
19 sep 2024

O BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixirlle á Xunta a paralización cautelar das obras para unha canteira de lousa na parroquia de Montefurado, no Concello de Quiroga, que "ameazan" o túnel romano construído hai arredor de dous mil anos para extraer unha reserva de ouro que se encontraba no río Sil.

O deputado do BNG na comarca, Iago Suárez, denuncia que estas obras para a mina de lousa comezaron hai unhas semanas despois de anos de parálise e das queixas e alegacións por parte da veciñanza da parroquia de Montefurado e do propio Concello de Quiroga. “O Goberno galego ten que reconsiderar a súa posición o poñerse do lado da defensa do noso patrimonio sen ningún tipo de escusa”, advirte Suárez, que denuncia que a Xunta “como de costume, actuou con opacidade” con respecto á concesión que afecta a “unha das xoias máis dignas de protección do sur de Lugo”.

É por iso que reclama á Xunta do PP que revise a concesión que, segundo transcendeu, foi outorgada á empresa no ano 2019. A revisión faise imprescindible, argumentou, porque a mina afecta a un territorio considerado Ben de Interese Cultural, porque está na contorna do Camiño de Inverno e, ademais, porque afecta directamente até a catro núcleos de poboación que están a menos dun quilómetro da mina.

No mesmo sentido pronunciouse o portavoz do BNG en Quiroga e tenente de alcalde, Xosé Manuel Fernández, para quen o impacto da explotación da canteira que está comezando os traballos no lugar de Anguieiros “pode ser desastroso desde o punto de vista patrimonial e cultural” e pode ademais traer “graves prexuízos” para os núcleos rurais máis próximos (ademais de Os Anguieiros, Os Covallos, Sexmil, Vilanuide e Enciñeira).

“Se queremos pór en valor como se merece o túnel romano de Montefurado, declarado BIC dentro da paisaxe protexida da Ribeira Sacra, e o potencial do Camiño de Inverno a Santiago non podemos permitir a explotación da canteira”, subliñou o tenente de alcalde.

0.14403700828552