O BNG pídelle á Xunta que mellore as comunicacións e o servizo de transporte público no Courel

RibeiraSacraXa
O BNG pídelle á Xunta que mellore as comunicacións e o servizo de transporte público no Courel
Carmen Aira BNG Lugo
6 Feb 2023

A deputada por Lugo, Carme Aira, denunciou o illamento do Courel agravado polas actuais condicións das estradas e un "deficiente" transporte público que obriga ás persoas que non conducen a depender dos seus familiares ou de transporte privado nos seus traslados, como as persoas que se desprazan a Quiroga que "deben facelo en Taxi ou coche particular".

Pola súa parte, o Director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro Saavedra negou que O Courel careza de servizo de autobuses e frecuencias e se non hai máis é porque non existe demanda suficiente.

Esta xustificación foi cualificada pola nacionalista de "argumento perverso", xa que se non existe demanda é porque "a Xunta non oferta o transporte público necesario" e, se non hai autobuses, a xente non os pode utilizar.

A parlamentaria do BNG insistiu nas difíciles condicións de vida no Courel, "cunha poboación de elevada idade, agraria, con recursos limitados, persoas soas e na súa maioría mulleres."

Ademais da falta de servizos de mobilidade, "súmase a falta de servizos básicos xerais para a poboación do concello, tal como se pode demostrar co censo poboacional e a perda continúa de poboación, polo que está dúas veces illado", explicou.

Así, critica, "é incompatible vivir no Courel e traballar fóra, polo que o Caurel perde poboación e non se fixa poboación xove".

Por último incidiu en que case 50.000 persoas viven na zona sur de Lugo, "carecendo de servizos que deberían ser comúns como un simple rexistro oficial, que tampouco existe" e defendeu que "se queremos conservar territorios como os da alta montaña lucense é preciso investir".

0.31081390380859