O BNG pedirá no pleno provincial un plan integral da Xunta contra a velutina

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A través dunha proposta de goberno a presentar no vindeiro pleno provincial, o BNG reclamará a Xunta de Galicia que desenvolva un plan integral de loita contra a velutina.
vespa velutina
21 Out 2023

A través dunha proposta de goberno a presentar no vindeiro pleno provincial, o BNG reclamará a Xunta de Galicia que desenvolva un plan integral de loita contra a velutina.

O portavoz do grupo provincial e deputado de Medio Rural Daniel García explicou que “nos últimos días, a raíz do contacto co sector na pasada Feira do Mel do Valadouro, apicultores e apicultoras das distintas comarcas trasladáronnos as dificultades que está a causar a velutina, que tivo incluso máis incidencia este ano polas condicións meteorolóxicas”.

“A preocupación esténdese a outras actividades agrarias como a horticultura e a viticultura, como denunciaron o pasado 11 de outubro na manifestación convocada polo Sindicato Labrego Galego, e entendemos que desde a Deputación de Lugo debemos utilizar tamén as canles institucionais para esixir á Xunta un plan de control da velutina e medidas de axuda para os sectores afectados”, explicou o portavoz nacionalista, que lembrou “que a apicultura e as actividades agrarias afectadas pola vespa asiática son vitais como ingresos complementarios nas rendas da poboación que habita no rural das comarcas de Lugo”

A proposta reclama á Xunta un plan integral de loita contra a velutina, que contemple a situación por comarcas e que incorpore achegas da universidade e das organizacións agrarias. Demanda tamén un incremento do persoal de SEAGA para responder con máis dilixencia ás denuncias e avisos de niños de velutina e unha liña de axudas específicas para compensar a apicultoras e apicultores e a outros produtores do sector primario polas perdas económicas ocasionadas pola actividade da vespa asiática que, segundo datos do sector do mel, pode chegar aos 10 ou 12 mil euros por apicultor.

Neste mesmo sentido, de paliar os danos, reclámase que as perdas ocasionadas polos ataques das velutinas non se teñan en conta á hora de avaliar o cumprimento dos obxectivos para recibir as axudas de incorporación á actividade agraria.

0.079585075378418